O GALP Ría de Vigo - A Guarda e ABANCA asinan un convenio para ofrecer novas vías de financiamento para o sector pesqueiro
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Vigo - A Guarda e ABANCA veñen de renovar a súa colaboración en materia financeira coa sinatura dun novo texto que inclúe diversas alternativas de financiamento, produtos axustados ás esixencias do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, e unha atención especializada. Este acordo busca promover a modernización do sector pesqueiro, impulsando novas oportunidades de crecemento e mellorando a súa resiliencia fronte aos desafíos actuais.
O convenio foi asinado polo presidente do GALP Ría de Vigo - A Guarda, Juan Manuel Gregorio, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, nun acto que simboliza a firme aposta de ambas as dúas entidades por fortalecer e acompañar a evolución dun sector clave para a economía e a cultura da rexión.
Vantaxes para os profesionais vinculados ao GALP Ría de Vigo - A Guarda
A nova alianza pon especial énfase no acceso ao crédito. As entidades vinculados ao GALP e os proxectos presentados a este organismo beneficiaranse de mellores condicións na contratación dos produtos de ABANCA, tanto para o lanzamento de novas iniciativas como para a mellora da competitividade dos proxectos en marcha. Entre as opcións dispoñibles atópanse pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, avais ou liñas de desconto entre outros produtos. Tamén se ofrecerán produtos deseñados co obxectivo de promover a sostibilidade do sector, como a hipoteca naval, que busca facilitar a renovación da frota pesqueira mediante a substitución de embarcacións antigas por outras máis eficientes e respectuosas co medio ambiente. Ademáis contémplanse seguros personalizados para o colectivo pesqueiro e información detallada sobre opcións de financiamento a través de acordos oficiais que ABANCA mantén con organismos públicos.
O GALP Ría de Vigo - A Guarda naceu no ano 2008 co obxectivo de colaborar na gobernanza da súa zona de actuación, que abarca once municipios da costa pontevedresa (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda). O grupo participa activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira e serve de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da área.
ABANCA conta cun especial compromiso co sector pesqueiro, logo da creación en 2016 de ABANCA Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva e que conta coa experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.
Comentarios
Publicar un comentario